ACABAR COA IMPUNIDADE FRANQUISTA XA!!

As persoas e organizacións asinantes facemos un chamamento urxente a todos os grupos parlamentarios, e en particular aos que forman a coalición de investidura, para que desbloqueen as iniciativas lexislativas que están a debate no parlamento español e que atinxen ao respecto, protección, garantías e, xa que logo, definitiva aplicación efectiva do dereito á verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición.

Todas as iniciativas parlamentarias que teñen que ver con estes dereitos, atópanse paralizadas no Congreso e Senado, sen que existan prazos fixados para a súa tramitación efectiva.

A Lei de Memoria Democrática, a Lei de Segredos Oficiais, a Lei de Bebés Roubados e a modificación do Código Penal para a incorporación do Principio de Legalidade Internacional no dereito interno, levan anos esquecidas e postergadas, sen que tampouco agora parezan existir certezas de que vaian ser tramitadas e sancionadas.


O Goberno xustifica esta paralización pola existencia doutras prioridades sociais. Con todo e polo que atinxe a iniciativas lexislativas que tiveron pulo neste período, pódese concluír que a inexistencia de vontade política para poñer fin ao modelo de impunidade existente, é a principal razón para non abordar de xeito inmediato as modificacións lexislativas necesarias para garantir definitivamente os dereitos de todas aquelas persoas que sufriron graves violacións de dereitos humanos durante o franquismo.

Van xa 43 anos dende que se aprobou a Constitución e son centos de miles as persoas xunto aos seus familiares que padeceron violacións de dereitos humanos que seguen aínda agardando verdade, xustiza e reparación: asasinatos, desaparicións, traballo escravo, expolio patrimonial, exilio, roubo de bebés, torturas, cárcere, cadea e encerros en centros para mulleres desafectas ao réxime, represalias laborais... Nin sequera produciuse a real anulación das sentenzas por delitos políticos dos tribunais franquistas.

Os acordos e normas aprobadas ata o de agora neste ámbito, foron claramente insuficientes e frustrantes. As políticas de memoria histórica levadas a cabo ata hoxe estiveron orientadas a recoñecementos institucionais moi parciais, mornos, febles e insuficientes e claramente dirixidas á implementación de medidas de carácter administrativo de rango individual , omitindo, a mantenta, calquera tipo de actuación que puidese reverter o modelo de impunidade imperante.

Son moitas vítimas directas destas violacións de dereitos humanos as que van desaparecendo ano tras ano. Porén, grazas ao empurrón dos seus familiares e do movemento social, son cada vez máis as voces que se deixan ouvir esixindo a fin da impunidade. E, certamente, non é demasiado tarde.

Con independencia da situación de vítimas e vitimarios, a xustiza ten a obriga de investigar e tipificar os delitos cometidos, identificando aos e as que foron vítimas.

Pero para iso, é preciso activar xa, e sen ningún atraso máis, as iniciativas memorialistas paralizadas hoxe no Congreso e abrir, xa que logo, as portas que permitan a conquista da verdade agachada e silenciada e que conduzan á aplicación dunha xustiza sen excepcións e a posta en marcha dunha política de Reparación Plena para todas as vítimas do franquismo.

De tal xeito esiximos e seguiremos reclamandoo todas ás organizacións memorialistas, de dereitos humanos, feministas, sindicalistas, ecoloxistas e de moitos outros ámbitos que asinamos este escrito.

ACABAR COA IMPUNIDADE FRANQUISTA XA!!


¡VERDADE, XUSTIZA E REPARACIÓN XA! ¡NINGUNHA PRÓRROGA MÁIS!

© 2022 CEAQUA| Todos los derechos reservados.
Creado con Webnode Cookies
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar